Thursday 16 de May de 2024

A nova corporación de San Sadurniño tomará posesión o sábado ás 10:30h


O Concello de San Sadurniño fixou para as 10:30h deste sábado 17 de xuño o primeiro pleno do mandato corporativo 2023-2027. Na sesión, seguramente a máis madrugadora de toda a volta, tomarán posesión as 11 concelleiras e concelleiros electos o pasado 28 de maio para, deseguido, elixir quen ocupará a alcaldía. A diferenza doutros municipios, en San Sadurniño a correlación de forzas na corporación municipal saída das urnas outórgalle ao BNG sete escanos, que supoñen unha maioría máis que suficiente para que Secundino García volva ser alcalde durante outros catro anos, independentemente do que voten os outros dous partidos: o PP, que ten tres representantes, e o PSdeG-PSOE, cun único concelleiro.

A orde do día da sesión constitutiva vén establecida pola normativa electoral, que marca os pasos que se deben ir dando até a elección de quen ocupará a alcaldía. A primeira en tomar a palabra será a secretaria Municipal, Olalla Álvarez de Neira, para explicar como se vai desenvolver o pleno e para dar conta do arqueo do inventario municipal, que vén sendo a relación do patrimonio do Concello co que arranca o novo mandato.

Posteriormente constituirase a mesa de idade, que estará formada por Manolo Varela como edil máis vello e por Araceli Bellas como concelleira máis nova. Será a mesa de idade quen lle tome xuramento ou promesa aos restantes concelleiros e concelleiras. Entre as 11 persoas que obtiveron acta o pasado 28M hai tres que se estrean no salón de sesións: Raquel Piñeiro e Manel Martínez polo BNG e Juan Alberto Rivera polo PSOE.

Unha vez que todas e todos teñan tomada posesión dos seus cargos procederase á votación dos nomes que se propoñan para ocupar a alcaldía que, salvo sorpresas, volverá ser responsabilidade de Secundino García por quinta vez consecutiva.

Se se sigue o guión de anteriores ocasións, García Casal tomará posesión do seu cargo e despois cabe agardar que pronuncie un pequeno discurso centrado nos compromisos, obxectivos e liñas políticas do Goberno municipal para os próximos catro anos. Tamén é habitual ceder unha quenda de intervención á representación dos partidos que exercerán a oposición no novo mandato.

O pleno de toma de posesión e de elección do alcalde non adoita durar máis de 15 ou 20 minutos. Ao seu remate só Secundino García terá algún cargo executivo, posto que a designación das tenencias da alcaldía, das delegacións de áreas e da composición da Xunta de Goberno Local son competencias da alcaldía das que se dará conta no chamado “pleno de organización”, cuxa convocatoria debe efectuarse no prazo máximo dun mes. Nese pleno tamén se asignarán as representacións en órganos colexiados, fixarase a periodicidade das sesións ordinarias e quedará definida a composición das comisións informativas e permanentes.

Ademais, antes desa sesión -que seguramente se celebre a finais de xuño-, os tres partidos con representación no Concello aínda teñen deberes, posto que no prazo de cinco días trala toma de posesión cada formación deberá achegar a solicitude para constituír grupo municipal, designando ademais quen levará a potavocía.

Información sobre as eleccións do 23X
A constitución dos novos consistorios para o período 2023-2027 cadra no tempo, e case sen deixar repousar a cousa, coa convocatoria adiantada de Eleccións Xerais, que se celebrarán o domingo 23 de xullo. Para informar sobre o desenvolvemento do proceso, o Concello enlazou a web municipal coa plataforma espublico, onde se atopa todo o que hai que saber sobre os comicios.

O calendario, o resultado de anteriores citas, o que deben ter en conta as persoas designadas para mesas, como votar e incluso os enlaces para consultar o censo en liña -con certificación electrónica-, son algúns dos apartados dispoñibles na web desde hai uns días.